Alberto Romero Bermo nacido en Palmeira (abril 1961 – setembro 2015), emigrou a EEUU á idade de 12 anos e volveu a Palmeira aos 35 anos. En EEUU estudou Psicoloxía, Periodismo e Dereito. Practicou dereito corporativo durante uns cantos anos ata volver a España, onde traballou para o Grupo Lumar en diversos postos e proxectos. Tamén foi xuíz de paz na Pobra do Caramiñal. Alberto era o máis novo de 3 irmáns, casado e con 3 fillos.
Foi un apaixonado da vela e das artes, creativo por natureza e fantástico escritor. Escribiu obras de poesía, novelas e relatos curtos en 3 idiomas, galego, inglés e castelán, aínda que nunca se interesou pola súa publicación. Ocasionalmente algunhas das súas obras viron a luz en foros electrónicos e revistas, pero a inmensa maioría segue inédita. Nos seus comezos entusiasta do cine e teatro, chegou a producir un par de obras curtas presentadas na universidade en EEUU.
Unha persoa moi involucrada na educación e na sociedade, tivo varios cargos en ANPAs do concello onde contribuíu á defensa do ensino público; foi durante moitos anos secretario da Asociación Lajareu por Barlovento colaborando para manter viva a dorna a vela; e participou en comisións e organizacións culturais e lúdicas sen ánimo de lucro, comisión de festas, Tirapuxa, Baleíña, Sociedade Fillos de Palmeira. Alberto sempre miraba polos demais antes que por si mesmo, e deixou unha fonda pegada nas persoas que tivemos a honra de coñecelo.
Ainda temos libros dispoñibles. Ponte en contacto con nós: info@albertoromero.org
LIMIAR
Vidas Paralelas
Alberto naceu en Palmeira no 1961. Aos 12 anos, emigrou ca súa familia a EEUU, polo que a súa integración ca cultura americana ao outro lado do charco foi plena. Daquela viámonos no verán cando viña de vacacións. Aos meus 18 anos eu tamén decidín quedarme en EEUU (Alberto tamén tivo parte de culpa nesa decisión). Foi aí que forxamos unha amizade que duraría toda a vida coma se de irmáns se tratase. As nosas vidas foron bastante paralelas no tempo xa que despois de moitos anos nos EEUU, 21 e 22 cada un de nós, decidimos volver á nosa terra, el unha vez máis tomou o paso antes ca min.
Dende escapadas a Canadá nun Renault 5 e pouco máis có posto no lombo ata aventuras pola selva río abaixo sen comida e pasando moito frío, sempre compañeiros, tempos duros de supervivencia pero sobre todo risas, con Alberto nunca faltaban as risas. Crecemos xuntos, estudiamos xuntos, casámonos, traballamos, sufrimos e vivimos, case sempre xuntos.
Nos tempos de estudantes saiamos sempre xuntos ao cine. Alberto escribía críticas de cine na revista da Universidade e papábamos películas subtituladas. O cine sempre foi unha das súas paixóns e daquela xa desbordaba en creatividade. Logrou facer un par de curtas de cine, nas que tiven o privilexio de participar e axudar, coas que chegou a ser admitido na facultade de cinematografía da Universidade en New York (NYU film school). Daquela escribía os guións, dirixía, era un dos protagonistas, e incluso editaba as súas creacións.
Chegamos a crear, con outros amigos, un club social galego na diáspora, un punto de encontro. Chamábase Os Nosos. Alugabamos un local, xogabamos ao fútbol con camisetas ca bandeira galega, e incluso hasta quixemos montar un grupo musical. Alberto tocaba a batería. Xa daquela apuntabamos formas.
Alberto graduouse en Psicoloxía e Periodismo ca Universidade de Rutgers en New Jersey pero parece ser que Dereito tiraba moito por el. Nunca deixou de sorprenderme. Daquela traballando durante o día e cursando Dereito de noite na Universidade de Seton Hall en Newark sacrificou uns cantos anos da súa vida social ata que conseguiu graduarse en Dereito. Durante uns anos practicou Dereito corporativo, e no seu tempo libre dedicábase a outra das súas paixóns, a vela. Tiña un barquiño de vela co cal pasaba as fins de semana acompañado da súa inseparable Montse. Os outros vicios, que seguimos compartindo sempre eran os libros e a música, cine e concertos. De cando en cando algunha aventura de cámping e tamén partidiños de tenis.
As voltas da vida trouxeron a Alberto de volta á súa terra no ano 1995. Traballou no sector privado e tamén foi xuíz de paz na Pobra do Caramiñal. En Palmeira naceron a súa filla Carme, e os seus fillos Alberte e Xabi. As voltas da vida tamén me trouxeron de volta a min 6 anos máis tarde. Eu xa tiña 2 fillas. Alberto apadriñou a unha delas.
A nivel social destaca de Alberto a súa andadura na Asociación Cultural Lajareu por Barlovento, onde ademais de desfrutar dunha das súas paixóns navegando e competindo coa súa dorna a vela ‘Golfiña’, fixo unha labor importantísima de difusión pola preservación deste tipo de embarcación tradicional e do patrimonio cultural mariñeiro, organizando numerosas regatas e encontros, e chegando a ser incluso colaborador e co-editor da revista ‘Relinga’ publicada por esta asociación. Por alá teño ido eu tamén de fotógrafo na lancha de apoio en algunha ocasión para intentar plasmar toda a emoción dunha regata.
Compartimos obxectivos na comisión de festas de Palmeira durante uns anos nos que entre xogos populares, promoción de grupos locais, a fogueira de San Xoán e a confección dun libro de festas máis cheo de relatos ca nunca quixemos deixar unha boa referencia para anos vindeiros. Daquela saíu tamén a fundación da A.C. Baleíña, que tiña marabillosas intencións para a promoción da literatura local.
Foi compañeiro inseparable nos foros de Palmeira Virtual que tanta polémica levantou no seu día. Algúns dos seus escritos quedarán aí (baixo pseudónimo) para a memoria dos poucos que os viviron. Unha das nosas derradeiras aventuras foi a loita que lle puxemos a Educación polo peche do IES Coroso de Ribeira, compartindo directiva de urxencia nunha xa desmontada e dividida ANPA. Concentracións, entrevistas, e horas redactando a nosa demanda e a nosa reclamación baixo a sombra dun aguacate. De alí partimos un para o IES Nº1 e o outro para o Leliadoura. No seu pasamento Alberto era o presidente da ANPA San Roque do Leliadoura, e unha das cousas que nos quedara pendente era a publicación dun libro.
A Asociación Cultural Alberto Romero nace inspirada na memoria de Alberto Romero Bermo e a súa preocupación pola Educación e Cultura. Os membros propulsores desta Asociación son as ANPAS fundadoras e colaboradoras dos Concellos da Mancomunidade de Arousa Norte. Como eixe orixinal e principal de actuación organiza anualmente o Certame Audiovisual de Curtas Alberto Romero, pero facilita e organiza ademais cursos de formación no audiovisual e impulsa a publicación deste libro, un proxecto máis de moitos por vir.
Seguro que me quedan moitas cousas no tinteiro pero non queda tempo para máis. En nome de toda a Asociación Cultural Alberto Romero quedámoslle eternamente agradecidos a Alberto polo legado que nos deixa e por ser a causa de novas amizades e novos proxectos en común.
Santi García (A.C. Alberto Romero)
NOTAS
Esta publicación é unha pequena mostra e recompilación de variedades das moitas cousas que Alberto deixou escritas. Non é a súa obra completa. Deixounos relatos curtos, algún máis largo, poesía, un par de novelas e incluso guións de teatro ou cine. Que saibamos, á parte da súa coñecida participación nos libros de festas de Palmeira, participou en revistas e distintos foros na web, españoles e americanos.
Alberto escribía en 3 idiomas, galego, inglés e castelán. Esta mostra tan só recolle obras en galego, aínda sendo inglés a súa lingua preferida para escribir e da que máis traballos temos. Sabemos con certeza que algúns dos seus traballos son incompletos, e están sen depurar, sen corrixir e sen rematar. Estes traballos publícanse tal cal foron escritos por Alberto, respectando as súas palabras, coloquialismos, datas, notas e espazados, con dedicatorias incluídas cando existen, na súa forma e autoría orixinal, algúns firmados por el mesmo e outros por algún dos seus pseudónimos, xa que así é como os firmaba. Lorenso Queimacasas, entre outros, é unha invención e pseudónimo de Alberto Romero Bermo.
Santi García